Querido Manuel:
Non sei moi ben como comezar a falar de ti, porque, que fago eu escribindo no medio de todos os teus amigos, que teñen outro calado literario?
Por outra parte, penso: Vou falar de como fuches comigo e cos demais membros da familia, non facer exactamente un exercicio de retórica.
No ano 1984, e despois de ter pasado xa por outros institutos, fun para o Ánxel Fole, e o primeiro que fixen foi “usurparche” o casilleiro… Lembras? Tiña dous pisos: nun deles había un LP de Barbra Streisand, creo. Como o outro estaba libre, puxen alí un libro meu para ter onde gardar cousas. Acórdame, coma se fose hoxe, a túa cara amable preguntando: “Quen é o invasor?”.
A partir de aí fun acollida, acompañada, aconsellada… e a historia continuou no novo edificio, onde os de galego non tiñamos un departamento, e novamente fun acollida no de Filosofía, onde tiñamos tertulias, ou charlas, e tamén recreos con algúns petiscos da cafetería. Abel, a profe, Graña… o que temos rido!
De aí saíu a “Estreliña Riscada”, e un regalo de aniversario que gardo con moito agarimo: unha pomba. Tamén lembro escoitarvos termos nos que sigo sendo lega, como hermenéutica, “epojé”… aínda que este, na súa acepción husserliana, lévoo utilizado bastante, sobre todo cando me custaba subir a dar unha clase.
E sempre Maite, por suposto, dalgunha maneira aparecía Maite, que me trata sempre con moito cariño e axuda cando fai falla, sen facer alardes, e á que tamén lle teño moito cariño. Tamén aparecían nas conversas os nenos.
Lembro estar falando contigo na rúa Aguirre e pasar un autobús escolar, e a través da súa ventaíña vimos unha cariña sorrinte, que saudaba con moita ledicia. Ti tamén o saudabas a el…

Logo marchaches, pero seguiches sendo o mesmo Regueiro de sempre, e eu seguín tendo novas túas. Algunhas veces, permíteme que cho diga, déronme algún apuro, pero logo tamén moita satisfacción, como o “Curso de Galego para Hipoacúsicos”, algunha tradución ou charla, que apenas tiven tempo de preparar. Tamén teño que dicir que, grazas a ti, puiden facer moitas cousas no Instituto, como a celebración do Día das Letras Galegas adicado a Ánxel Fole.
...e volviches de novo, coa túa carteira e o teu porte profesoral, coma se non tivese pasado o tempo, saíndo da aula colorado e suando. Estou recordando os teus esquemas claros e perfectos no encerado, que me facían pensar: “Xa me gustaría a min expresarme con esa claridade, facer tan atractivo o que digo”, porque iso era o que facías, por exemplo, nas “Tardes de Filosofía” que organizaches no Instituto. Para introducir ao conferenciante, tirabas dos teus coñecementos de filosofía, con comentarios de “filosofía da vida”, que din por aí.
Estou seguro de que, no teu caso, o “amor pola sabedoría” se traducía na consideración, na amabilidade, no respecto… que facían que sempre tiveses un gramallón de pequenos e pequenas arredor de ti.
Es unha lección de vida maxistral. Non paraches de transmitir coñecementos e empatía. Non é en balde. Segues aquí, nos nosos corazóns en moitas aulas, onde tes alumnos que aprenderon a amar a filosofía contigo, e que tentan transmitir coñecementos, sempre contigo en mente.